Esta ruta permite combinar tramos de litoral costeiro con zonas interiores polo que o contraste de flora e fauna é importante dentro do espazo protexido da Costa de Dexo e Serantes (Monumento Natural).
Esta ruta percorre os espectaculares escarpados da costa, con especial atención ao filón de pórfido granítico coñecido como “O Seixo Branco” que da nome a esta ruta.
Nesta combinación de elementos moldeados polo vento destacan os cantís, illotes como A Marola ou O Marolete, ou furnas mariñas, formacións xeolóxicas na rocha orixinadas pola erosión conxunta do vento e do mar (A Regocha ou Ollo pequeno ou Ollo grande).
No tramo costeiro domina a matogueira almofadada ou outras especies adaptadas a un litoral caracterizado polas acometidas do vento e as escarpas rochosas; destacando endemismos galaicos ou noroccidentais ibéricos coma a Armeria pubigera ou especies representativas coma o toxo (Ulex europaeus). Cara o interior xa dominan as zonas boscosas.
A situación escarpada e estratéxica da costa converteuna no emprazamento dunha batería militar para a protección da zona costeira e das cidades de A Coruña e Ferrol xunto a outras moitas baterías e castelos ao longo da costa ártabra. Historicamente tamén é unha zona de destacada influencia castrexa: castro de Subiña.
Trátase dunha ruta circular con inicio/fin na zona de Canabal, a escasos metros do club de tenis. No transcurso da ruta pasaremos pola batería, polo filón xeolóxico onde poder contemplar unhas espectaculares panorámicas da ría e da cidade de A Coruña, polas furnas ou chegar ata o alto da Subiña onde o castro. En xeral, afíncase nunha zona de especial beleza natural, con gran valor paisaxístico e ornitolóxico.