Un museo ao aire libre
O Casco Histórico de Betanzos está situado no antigo Castro de Untia desde o ano 1219, cando o rei Afonso IX, Rei de León e Galicia, outorgou dito traslado.
No ano 1467, Enrique IV concédelle á vila o título de Cidade e anos máis tarde, os Reis Católicos a nomean capital dunha das sete provincias galegas.
O Casco Histórico de Betanzos está declarado Conxunto Histórico Artístico desde os anos setenta. É a capital do Gótico Galego, coas súas igrexas e conventos, coa coñecida representación do calendario agrario, as súas rúas con oficios e comercios centenarios, conservando as portas de entrada das antigas murallas medievais, edificios emblemáticos e contando cun centro de referencia no seu corazón, o Centro Internacional de Estampa Contemporánea -CIEC-.
Pasear polas súas rúas, que conservan un pasado gremial, convértese nunha viaxe a través do tempo.
A historia do Casco Histórico de Betanzos no teu móbil!
A Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” e o Concello de Betanzos, poñen á túa disposición esta plataforma web que permitirá un novo servizo de autoguiado pola capital do gótico galego baseándose na fórmula do “Turismo Slow”, nun territorio como a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas declarado como o Primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia.
Engádese así un novo servizo turístico complementario por este fermoso Casco Histórico, que conta cun sistema de última xeración no campo da interpretación do patrimonio e que fomenta a realización de rutas autoguiadas ante o contexto da COVID-19, ademais de mellorar a accesibilidade deste auténtico Museo ao aire libre.
Con este produto poderás gozar, coñecer e chegar aos lugares exactos onde se sitúan os distintos recursos utilizando o teu propio dispositivo dixital. As audioguías serán un excelente complemento que fará ameno o percorrido polo Casco Histórico desta cidade medieval, de forma autónoma e dispoñible as 24 horas.