Concellos
Da terra obtemos a materia. Da materia pasamos á maxia, pratos que falan de como somos neste territorio. Gastronomía con produtos de calidade de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Unha forma de garantir a orixe, dinamizar economicamente o territorio, fixar poboación no medio rural e asegurar a calidade do prato que chega á túa mesa.
Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foi recoñecida internacionalmente pola UNESCO no ano 2013 como Reserva de Biosfera. Abarca un total de 116.724 hectáreas terrestres e mariñas, repartidas en 17 concellos e cunha poboación de máis de 190.000 persoas, todo un auténtico reto e oportunidade.
Ser declarados pola UNESCO como Reserva da Biosfera é un compromiso de presente e futuro, que nos fixo asumir os principios e obxectivos do Programa MaB (Persoa e Biosfera), utilizando o noso territorio para experimentar novas formas de desenvolvemento en liña coa sustentabilidade e lóitaa fronte ao cambio climático, compatibilizando as dinámicas urbanorurales, así como o posicionamento como destino de Ecoturismo.
A Marca de Calidade da “Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” creouse co obxectivo de facilitar a introdución e diferenciación dos produtos locais, engadir valor e promocionar e difundir os recursos que potencien as actividades económicas tradicionais e a economía social no marco do territorio amparado pola Reserva de Biosfera.
Este distintivo está a servir como vínculo entre EMPRESA-PRODUTO-TERRITORIO, á vez que establece unha imaxe común para o conxunto de empresas adheridas.
Desde comezos do ano 2019 somos a entidade xestora do Xeodestino “A Coruña e As Mariñas” en colaboración coa Xunta de Galicia, ferramenta de planificación turística do territorio.
Ademais, xestionamos o destino SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) das Mariñas Coruñesas, metodoloxía mediante a cal estamos a implantar a Marca de Calidade da Reserva de Biosfera no sector turístico (restaurantes, aloxamentos, axencias de viaxe, empresas de turismo activo…).