Ruta de Aves: Costa de Dexo-Serantes

Catalogada como Monumento Natural e Protexida pola Rede Natura 2000 da Unión Europea como Zona de Especial Conservación (ZEC) de 270 hectáreas, este tramo litoral acantilado situado entre as bocas das rías da Coruña e Ares-Betanzos é unha das zonas núcleo da Reserva de Biosfera, e unha das xoias naturais de Galicia. A súa sucesión de cortados de xisto e pequenas calas, e a franxa de campos cubertos de herbais, breixo e toxo que se estende terra adentro, constitúen un espazo salvaxe único.

Interés ornitolóxico

Destaca sobre todo neste lugar a súa impresionante colonia de corvos mariños cristados, a máis nutrida de cantas existen na costa continental ibérica. Tamén a presenza dalgunhas especies reprodutoras escasas en Galicia, como choia, andoriñón real ou gralla pequena. E a doutras especies típicas das zonas acantiladas galegas, como falcón peregrino, lagarteiro, gaivota patiamarela, rabirrubio, corvo grande… Na illa da Marola, situada fronte a esta costa, cría o paíño pequeno. Nos campos que se estenden tras os cantís é doado ver chasco (e norteño nas migracións do outono, así como pedreiro cincento ou papamoscas e papamoscas cincentos e mesmo retorcepescozo), azulenta, papuxa do mato, carriza, xílgaro, liñaceiro, laverca común… a mirada atenta sobre o océano pode descubrir ademais mascato, carráns cristados, carolos, pardelas baleares e cincentas… No inverno, estes cantís acollen cada noite un durmideiro de corvo mariño grande, e é máis doado ver gabitas entre as rochas que hai aos seus pés.

Fenoloxía

Calquera momento do ano é ideal para visitar este espazo. É máis: convén percorrelo en todas as estacións, co fin de descubrir as diferentes aves que aparecen en cada unha delas.

Proposta de visita

  • O porto de Lorbé é perfecto para a observación de gaivotón e gaivotas escura, chorona, cabecinegra, patiamarela… Con frecuencia, centos delas repousan nas bateas de mexillón xunto a virapedras, corvos mariños grandes e cristados ou garzas reais. No inverno, busca nestas augas carolo e mesmo palleira grande, e no verán pardela balear e pardela cincenta. Atención ademais á presenza de arroaces!
  • Desde o porto de Dexo, tomando na Praza dos Golfiños unha escaleira de madeira que salva a pendente, accédese a un carreiro que percorre algúns dos cantís máis fermosos desta costa. Non te achegues de máis a eles! Terás ante ti a illa da Marola, onde cría paíño común e gaivota patiamarela, e adoitan pousarse gaivotóns. Tamén o illote do Marolete, pousadoiro de moitos dos corvos mariños cristados reprodutores nesta zona. Nos piñeirais inmediatos hai ferreiriños reais e negros, azuis e cristados, gabeador e outras aves forestais.
  • Vindo de Mera pola rúa Celso Emilio Ferreiro primeiro e a rúa Seixo Branco despois, e tras deixar á túa esquerda o acceso á cala de Canabal, deixa o teu vehículo onde remata o acceso rodado, na entrada dun piñeiral e xunto a uns chalés. Mentres botas a andar (ou continúas o teu paseo, se é que vés camiñando desde Mera), permanece atento á presenza de aves forestais como as antes mencionadas, así como verderolo, gaio europeo, peto verde… No verán non é raro ver aquí falcón. Unha vez que deixes atrás a zona arborada, busca entre a matogueira de breixo e toxo chasco, papuxa do mato, azulenta, carriza… Cando alcances a punta do Seixo Branco, atopa onde sentar comodamente para identificar na distancia, océano dentro, mascatos, corvos mariños cristados, pardelas…
  • Desde a rúa Seixo Branco que mencionamos antes, e xusto despois do desvío cara á rúa Seixo Branco, o Camiño Carreira levarate por entre varias casas ata un lugar onde aparcar o coche (ou continuar o teu paseo) para seguir por un sendeiro que te conduce a unha das vistas máis espectaculares desta costa. A medio camiño fai unha parada para asomarte, á túa esquerda, á colonia de aves mariñas da Punta de Mera, ao outro lado da estreita baía de Canabal. Decenas e decenas de corvos mariños cristados manteñen nesas paredes os seus niños ao longo da primeira metade do ano. Tamén crían gaivota patiamarela e andoriñón real, entre outras aves. Ao teu arredor, mentres tanto, terás as especies típicas da matogueira costeira. Máis adiante, o sendeiro remata fronte á illa de Montemeán, que acolle cada primavera unha vistosa colonia de gaivota patiamarela.
  • A rúa Celso Emilio Ferreiro leva ata o aparcadoiro que hai ao carón da Aula do Mar, lugar de visita obrigada (ver máis abaixo). Se viñeches en automóbil e é primavera, nada máis baixarte busca no ceo choia, lagarteiro ou andoriñón real. Con sorte, podes detectar ademais miñato e falcón peregrino. Desde aí mesmo, á túa esquerda segundo miras á Aula do Mar, un estreito sendeiro descende ata os restos dunhas baterías de defensa do século XVII, ao bordo do acantilado. Moito coidado, unha vez máis, cando chegues ata elas. Ademais dunha espléndida panorámica da boca da ría da Coruña, terás posibilidade de ver desde aquí corvos mariños cristados, máis grallas e, sobre as ondas, probablemente mascato, carráns cristados, pardelas cincentas e baleares e outras aves mariñas.

Como chegar, accesibilidade e recomendacións

O mellor xeito de percorrer este espazo é unha combinación de vehículo propio e camiñadas. Existen servizos públicos de autobús, pero as paradas están algo afastadas das zonas máis interesantes. Aínda así, un paseo desde a localidade de Mera (por onde pasan con frecuencia autobuses desde ou cara a outras localidades de Oleiros e A Coruña) ata o faro de Mera ou o Seixo Branco apenas che levará unha hora. Na páxina web da Aula do Mar (ver a continuación) atoparás máis indicacións.

Recursos

  • A visita á Aula do Mar, centro de recepción de visitantes do Monumento Natural creado na antiga casa do fareiro dos Faros de Mera, é obrigada antes de percorrer este espazo por primeira vez. O seu interior alberga unha exposición permanente, distribuída en dúas salas e dous miradoiros acristalados, un laboratorio, espazos para a proxección de audiovisuais, unha ampla terraza e puntos de observación ornitolóxica. Ademais, oferta un servizo de guías para os colectivos interesados.
  • A páxina web Baía de Santa Cruz inclúe varias propostas de sendeiros ornitolóxicos similares aos que aquí che propomos:https://www.baiasantacruz.org/gl/panel/costa-de-dexo-serantes.

Lugares próximos de interese ornitolóxico

Lagoa de Mera
Situada xunto a este núcleo urbano, un cómodo paseo permite percorrer parte das súas beiras para observar corvo mariño grande, galiñola, lavanco e, durante o período invernal, mergullón pequeno ou galiñola negra. Nas beiras, busca bilurico das rochas e algunha garza real, e con sorte picapeixe. Os cisnes, outros patos e gansos que habitan a lagoa son semidomésticos.

Baía de Santa Cruz
Desde o paseo marítimo de Santa Cruz, e cruzando á súa illa, onde está o fermoso castelo sede do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), non deixes de entrar a coñecelo!, terás ocasión de observar numerosas especies. Fíxate na grande rocha manchada de guano á dereita da baía. Chámase O Corval e é o pousadoiro favorito dos corvos mariños desta zona. Na baixamar, busca na praia e nas rochas virapedras, bilurico das rochas, garzota e gaivotas chorona, cabecinegra, cana, escura, arxéntea e patiamarela, así como gaivotón. E, voando sobre as ondas, carrán cristado. Unha vez dentro dos muros do castelo de Santa Cruz, e desde a súa zona exterior, a que dá á ría, poderás observar pentumeiros e, con sorte, algunha mobella.

Aves das Mariñas

image
Bilurico das Rochas
Scolopacidae
É un ave de pequeno tamaño con patas bastante cortas e pés amarelos oscuros.
image
Ferreiriño real
Paridae
Ten o peito amarelo en contraste co azulado da cola e as ás.
image
Virapedras
Scolopacidae
Ten o corpo compacto, coas súas patas, pescozo e pico cortos. As patas teñen unha coloración laranxa intensa.
image
Pilro común
Scolopacidae
É unha ave de tamaño medio co pico e patas de cor escura.
image
Picapeixe
Alcedinidae
Verde azulado brillante por riba, castaño alaranxado debaixo.
image
Papuxa das Amoras
Sylviidae
Curruca de tamaño medio, de aspecto robusto e dunha tonalidade grisácea en xeral.
image
Paporrubio
Turdidae
A plumaxe do peito e da cara son laranxas.
image
Merlo rieiro
Cinclidae
Os mirlos acuáticos son aves rechonchas de tamaño mediano, cola curta e ás máis ben pequenas.
image
Mergullón pequeno
Podicipedidae
Na época de cría presenta unha plumaxe nupcial no que destaca a gorxa e o pescozo de color vermella, cunha mancha amarela na parte membranosa da base do pico.
image
Zarapito real
Scolopacidae
A cabeza do mazarico real é de cor bastante uniforme.

Outros lugares para visitar

Igrexa de Santa María de Dexo (s. XII) e Igrexa Santa Eulalia de Liáns.

Museo Os Oleiros “José María Kaydeda”, no Pazo As Torres en Santa Cruz.

Illa e Castelo de Santa Cruz.

Teléfonos e enderezos de interese

Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335

Urxencias: 112

Concello de Oleiros: 981 610 000

Oficina de Turismo de Oleiros: Avenida das Américas, s/n, 15172, Santa Cristina-Perillo-Oleiros (A Coruña). Telf.: 981 904 052 / 981 631 706. turismo@oleiros.org. http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/turismo.

Aula do Mar da Costa de Dexo: http://www.ceida.org/es/aula-del-mar-costa-de-dexo

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA): http://www.ceida.org/es. Telf.: 981 639 618.