A ruta do Río Pelamios é unha magnífica oportunidade de coñecer a forma tradicional de vida, desfrutar da natureza e coñecer algúns dos segredos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.
Partindo do Paseo de Bullas, un paseo cunhas sorprendentes esculturas de aceiro corten dende o que se pode ver a ponte de madeira peonil sobre o río Mandeo e a Ponte Vella de Betanzos, e xirando á esquerda por un camiño estreito chégase ao comezo desta ruta, sinalado cun monólito de pedra.
Ao longo deste percorrido pódense observar os restos da fábrica de curtidos Pelamios, un coidado exemplo de casa tradicional agrícola, muíños, comportas e canalizacións. No pasado existiron ata 28 muíños, debido á proximidade da cidade de Betanzos e á gran poboación que habitaba nesta zona.
Tamén están presentes os viñedos (para o cultivo do viño de Betanzos) e o Camiño Inglés, que se atopa coa ruta a metade do percorrido. Ademais, seguindo o Camiño pódese visitar o santuario da Nosa Señora do Camiño, coñecido popularmente como Os Remedios.