Ruta de Aves: Lagoa de Sobrado

De orixe artificial e hoxe completamente naturalizada, foi construída polos monxes do mosteiro inmediato entre os anos 1500 e 1530. Rodéaa un bosque caducifolio de bidueiros, amieiros, freixos, carballos e outras especies. Na súa superficie, de preto de 10 hectáreas, abunda o nenúfar. A súa profundidade máxima é de 4,5 m.

Interés ornitolóxico

Alberga unha destacada diversidade de aves acuáticas, entre as que sobresaen os mergullóns cristado e pequeno (ambos os dous fabrican os seus niños flotantes na lagoa), corvo mariño grande, garza real, cerceta, lavanco, cullerete, pato chupón, pato cristado, galiñola, galiñola negra ou picapeixe, entre outras especies. As campiñas e bosques da contorna son ideais ademais para buscar aves forestais durante todo o ano. Entre as aves rapaces máis doadas de observar destacan o miñato, o gabián e, na primavera e no verán, o falcón pequeno.

Fenoloxía

Calquera época do ano é ideal para visitar esta lagoa. Na primavera poderás gozar dos espectaculares cortexos dos mergullóns cristados e, ao amencer, dos cantos das moitas especies forestais e de campiña. No outono e no inverno, a diversidade de aves acuáticas é moito maior.

Proposta de visita

Dende o observatorio de aves poderás observar case todas as especies presentes o día da túa visita. Moitas delas estarán sobre todo cara á túa dereita. Non acudas ao seu encontro: alí están seguras de que ninguén as vai a molestar. Verás ademais como, en canto se acostumen á túa presenza, se irán achegando.

No teu percorrido polo paseo de táboas que bordea a beira noroeste da lagoa, pon atención tanto ás augas desta como aos campos do outro lado. Son fogar de escribentas, picafollas e outras aves de campiña. Nas árbores, busca ferreiriños rabilongos, reais ou azuis. En pleno inverno, aparecen ás veces neses prados avefrías e píldoras douradas.

Como chegar, accesibilidade e recomendacións

Desde o centro de Sobrado, a estrada AC-934 conduce enseguida ata a lagoa. Se vas a pé, extrema o coidado co tráfico rodado! Para observar aves, tes tanto o observatorio ornitolóxico (xunto ao que podes aparcar o teu automóbil) como un paseo de táboas que percorre parcialmente a súa beira noroeste. Evita en todo momento alzar a voz ou facer ruído, co fin de non alarmar as diferentes especies.

Recursos

O observatorio de aves de madeira é ideal para observar as aves presentes sen molestalas. No seu interior hai paneis con información acerca delas. Na páxina web da Fundación Fragas do Mandeo atoparás abundante información sobre esta lagoa: http://www.fragasdomandeo.org/habitats-es/la-laguna-de-sobrado/?lang=es

Lugares próximos de interese ornitolóxico

A lagoa de Millares, moi próxima e máis pequena, está a só un paseo. Utilízana con frecuencia mergullóns pequenos e cercetas comúns. Un pouco máis lonxe, un percorrido polo camiño público da carballeira de Casa do Gado darache oportunidade de ver e escoitar aves forestais como peto real, pimpín do norte, gabeador…

Aves das Mariñas

image
Bilurico das Rochas
Scolopacidae
É un ave de pequeno tamaño con patas bastante cortas e pes amarelos oscuros.
image
Ferreiriño real
Paridae
Ten o peito amarelo en contraste co azulado da cola e as ás.
image
Virapedras
Scolopacidae
Ten o corpo compacto, coas súas patas, pescozo e pico cortos. As patas teñen unha coloración laranxa intensa.
image
Pilro común
Scolopacidae
É unha ave de tamaño medio co pico e patas de cor escura.
image
Picapeixe
Alcedinidae
Verde azulado brillante por riba, castaño alaranxado debaixo.
image
Papuxa das Amoras
Sylviidae
Curruca de tamaño medio, de aspecto robusto e dunha tonalidade grisácea en xeral.
image
Paporrubio
Turdidae
A plumaxe do peito e da cara son laranxas.
image
Merlo rieiro
Cinclidae
Os mirlos acuáticos son aves rechonchas de tamaño mediano, cola curta e ás máis ben pequenas.
image
Mergullón pequeno
Podicipedidae
Na época de cría presenta unha plumaxe nupcial no que destaca a gorxa e o pescozo de color vermella, cunha mancha amarela na parte membranosa da base do pico.
image
Zarapito real
Scolopacidae
A cabeza do mazarico real é de cor bastante uniforme.

Outros lugares para visitar

Mosteiro de Sobrado

Campamento romano da Ciadella

Teléfonos e enderezos de interese

Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335
Urxencias: 112
Concello de Sobrado: 981 787 508
Oficina de Turismo de Sobrado: Praza Portal, 1, 15813 Sobrado dos Monxes (A Coruña) 981 787 508. turismosobrado@gmail.com