Ruta de Aves: Ría de O Burgo

Orientada de sur a norte e formada pola desembocadura do río Mero, toma o seu nome da parroquia do mesmo nome, en Culleredo. De escasa profundidade, os seus fondos son limosos e areentos, nalgúns recunchos cubertos por manchas de marisma ás que acoden moitas aves acuáticas a descansar en preamar.

Interés ornitolóxico

De enorme atractivo sobre todo para a observación de aves litorais, tanto pola diversidade de especies (é posible observar varias decenas nun paseo) como pola posibilidade de telas moi preto. A súa contorna axardinada e urbanizada acolle ademais unha nutrida comunidade de aves típicas deste tipo de medios.

Fenoloxía

Os meses con maior variedade e abundancia de especies son os de outono e inverno, ata mediados da primavera.

Proposta de visita

A ruta, a pé, iníciase onde desemboca o río Mero baixo a ponte medieval do Burgo, tomando alí mesmo o paseo marítimo que percorre a beira esquerda da ría, correspondente ao municipio de Culleredo, ata a ponte da Pasaxe.

  • Desde a ponte medieval do Burgo, observa as aves presentes cara á ponte da autoestrada AP9: gaivotas, garzas e parrulos e mesmo picapeixes vense desde moi preto. Na primavera busca ademais andoriña dos penedos e andoriña dáurica.
  • Camiño da estrutura metálica de cor vermella que hai onde comeza a ensancharse a ría, podes detectar doadamente os mergullóns pequenos que invernan entre aquí e a outra beira. Seguro que antes descobres corvos mariños, garzotas e garzas reais, así como as primeiras limícolas.
  • Desde este embarcadoiro cara á dereita e a esquerda, cando a marea está a medias, hai estupendas oportunidades para contemplar de preto cisne mudo e moitas outras aves, sobre todo limícolas como mazaricos rubios e rabinegros, biluricos patorrubios e claros, pilros comúns, biluricos de rochas e, durante os pasos migratorios, píllaras reais e pilros ferruxentos. Ollo á presenza de gaivotas pouco comúns no inverno.
  • Esta zona de marisma é clave para a presenza aquí de numerosas especies, que a usan para descansar en preamar, alimentarse ou mesmo nidificar, como é o caso da lavandeira amarela. Ás súas beiras retíranse cando sobe a marea pilros, biluricos, gabitas, mazaricos, virapedras, píldoras, garzas, garzotas, corvos mariños, cullereiros comúns, gaivotas… No outono e no inverno podes chegar a detectar (pondo moita atención, pois son moi dadas a agacharse) decenas de becacinas. Tamén carriza dos xuncos, rascón europeo, pica costeira e algúns anos papoazul. Na primavera aniñan aí as lavandeiras amarelas ibéricas. Nos xardíns do paseo busca a primeira hora tordos, pombos torcaces e moitas outras aves. Entre elas, no inverno, lavandeira branca. Non é raro ademais que sobrevoen esta zona algún miñato, gabián, azor, falcón peregrino e mesmo, no inverno, aguia calzada.
  • Este tramo do paseo merece varias paradas para observar biluricos das rochas, virapedras, e máis exemplares das outras especies. Ao paso xunto á lagoa artificial, e se é inverno, verás algún mergullón pequeno máis. Ao lonxe, na grande illa de limo central que aparece en baixamar, acoden a alimentarse moitas aves. Nas silveiras e sebes próximas ao paseo adoita ser doada de ver a papuxa cabecinegra.
  • Fronte a este tramo a baixamar descobre un longo illote de area na que se pousan gabitas, gaivotón, gaivotas cabecinegras, garzotas…

Como chegar, accesibilidade e recomendacións

A contorna da ría dispón de numerosos aparcadoiros e un servizo constante de autobuses que a conectan con varios destinos próximos, incluída a cidade da Coruña. A ruta proposta discorre na súa totalidade por un paseo marítimo, o que permite gozar dela por parte de toda a cidadanía. Mentres a percorres, permanece atento ao tráfico de bicicletas, e respecta o seu carril. Se tes oportunidade de elixir a hora da túa visita, a ideal é desde dúas ou tres horas antes da preamar máxima. Por suposto, non baixes á ría: afundiríaste de inmediato nos seus fondos limosos!

Recursos

Durante o teu paseo atoparás 52 paneis informativos sobre a ría e as súas aves, elaborados pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Ademais, nas beiras da ría a Aula de Natureza e Xardín Botánico Juan Lembeye (pertencente ao Concello de Culleredo) dispón dunha nutrida colección de árbores típicas de Galicia, e organiza con frecuencia actividades de educación ambiental. Non existen observatorios de aves, pero como descubrirás non son necesarios: acostumadas á trasfega de paseantes, as aves presentes permiten unha sorprendente proximidade. Máis información: https://www.baiasantacruz.org/es/panel/ria-do-burgo-culleredo-e-oleiros.

Lugares próximos de interese ornitolóxico

Praia de Santa Cristina
Tras cruzar a ponte da Pasaxe (a pé son só 20 minutos) poderás descubrir, camiño desta praia, píllaras reais, corvos mariños, garcetas ou carráns cristados. Ollo durante a baixamar aos grupos de gaivotas para detectar algunha arxéntea. Desde a propia praia, mirando para fóra da ría, é doado descubrir en inverno pentumeiros, mobellas, carolos e ás veces mergullóns de pescozo negro, sempre e cando o mar non estea moi movido!

Río Trabe
Xunto á estrada AC-211, as arboradas beiras do río Trabe acollen galiñola e diversas forestais, con posibilidade de tordo rubio e úbalo no inverno.

Aves das Mariñas

image
Bilurico das Rochas
Scolopacidae
É un ave de pequeno tamaño con patas bastante cortas e pes amarelos oscuros.
image
Ferreiriño real
Paridae
Ten o peito amarelo en contraste co azulado da cola e as ás.
image
Virapedras
Scolopacidae
Ten o corpo compacto, coas súas patas, pescozo e pico cortos. As patas teñen unha coloración laranxa intensa.
image
Pilro común
Scolopacidae
É unha ave de tamaño medio co pico e patas de cor escura.
image
Picapeixe
Alcedinidae
Verde azulado brillante por riba, castaño alaranxado debaixo.
image
Papuxa das Amoras
Sylviidae
Curruca de tamaño medio, de aspecto robusto e dunha tonalidade grisácea en xeral.
image
Paporrubio
Turdidae
A plumaxe do peito e da cara son laranxas.
image
Merlo rieiro
Cinclidae
Os mirlos acuáticos son aves rechonchas de tamaño mediano, cola curta e ás máis ben pequenas.
image
Mergullón pequeno
Podicipedidae
Na época de cría presenta unha plumaxe nupcial no que destaca a gorxa e o pescozo de color vermella, cunha mancha amarela na parte membranosa da base do pico.
image
Zarapito real
Scolopacidae
A cabeza do mazarico real é de cor bastante uniforme.

Outros lugares para visitar

Igrexa románica de O Burgo (s. XII).

Torre de Celas e etnografía no Monte Xalo.

Camiño Inglés e Ruta polo Rego das Xesteiras.

Xardín Botánico “Juan Lembeye”.

Teléfonos e enderezos de interese

Para coñecer a predición meteorolóxica e os horarios das mareas, consulta a web de Meteogalicia: meteogalicia.gal. Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335
Urxencias: 112
Concello de Culleredo: 981 677 777
Concello de Oleiros: 981 610 000
Oficina de turismo de Culleredo: Rúa do Concello, 12. Culleredo. 15189. Telf.: 981677777. turismo@culleredo.org http://turismo.culleredo.es/es/rutas/.

Oficina de turismo de Oleiros: Avenida das Américas, s/n, 15172, Santa Cristina-Perillo-Oleiros (A Coruña). : 981 904 052 / 981 631 706. turismo@oleiros.org. http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/turismo.