Escondida no fermoso val de Barcia, este roteiro percorre un carreiro que pasa xunto ao Eco-Museo Costa dá *Égoa, con catorce muíños e unha pequena central hidroeléctrica, conxunto declarado Espazo de Interese Local (ENIL) pola Xunta de Galicia, a instancia do Concello de Carral. A beiras do saltarín río Abelleira, terás así oportunidade de observar as mesmas aves, propias dos ecosistemas fluviais desta comarca, que acompañaron ao son das rodas deses enxeños durante varias xeracións.
Ruta de Aves: Muíños de Costa da Égoa
Interés ornitolóxico
Entre as especies que poderás ver e escoitar durante o teu paseo xunto ás augas e os muíños do río Abelleira están o merlo rieiro, a lavandeira real, páridos como ferreiriño rabilongo, ferreiriño azul, ferreiriño real e negro, así como outras especies como carriza, picafollas europeo (no inverno) e ibérico (na primavera e no verán), cardeal, tordo común… Sobre as copas das árbores, permanece atento á presenza de miñato e, na primavera e no verán, millafre negro e abelleiro europeo. Tamén nesta época, pero xa pola noite, é doado escoitar avenoiteira cincenta.
Fenoloxía
Calquera momento do ano é ideal para visitar esta zona. No verán o caudal do río estará loxicamente máis baixo.
Proposta de visita
O mellor é tomar o sendeiro existente que parte xunto á Casa Rural Costa da Égoa, e percorrelo sen présa. Cabe a posibilidade de estendelo, xa afastándose do río, ata a pequena aldea de Montemeán, onde un panel explica a configuración xeolóxica do val.
Como chegar, accesibilidade e recomendacións
Tras chegar en automóbil a Herves, no municipio de Carral a ruta iníciase xunto á casa de turismo rural Costa da Égoa. Os primeiros muíños están xa só a 200 m.
Recursos
Na canle de Wikiloc da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo tes información acerca desta ruta de sendeirismo e as súas extensións: https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/pr-g-101-roteiro-marinan-costa-da-egoa-9905731.
Lugares próximos de interese ornitolóxico
Se continúas o teu paseo polo sendeiro, atoparás outros tipos de hábitat, sobre todo campiña, zonas agrícolas e eucaliptal. Isto permitirache anotar novas especies á túa lista.
Aves das Mariñas
Outros lugares para visitar
Castro das Travesas.
Monumento aos Mártires de Carral.
Ruta polo Camiño Inglés a Compostela.
Ruta pola Ribeira do río Barcés.
Estación depuradora de auga de Cañás.
Teléfonos e enderezos de interese
Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335
Urxencias: 112
Concello de Carral: 981 670 002