Ruta de Aves: Río Mandeo en Chelo

As beiras do río Mandeo ao seu paso polo lugar de Chelo, en Coirós, están percorridas por cómodos sendeiros, ideais para a observación de numerosas aves típicas dos ambientes fluviais e forestais desta bisbarra. Para detectalas deberás prestar toda a túa atención aos seus movementos entre as pólas de freixos, carballos, castaños, ameneiros, abeleiras, acivros e moitas outras árbores autóctonas. E é que as fragas ocupan a maior parte das empinadas abas por entre as que aquí circula encaixado o río.

Interés ornitolóxico

Quizais este sexa un dos mellores lugares da bisbarra para observar o merlo rieiro; por exemplo, desde a ponte que cruza o río ao comezo mesmo da ruta, xunto ao aparcadoiro. Tamén é doado detectar nas beiras ou sobre as rochas que emerxen da corrente, sobre todo na primavera, lavandeira real ou picapeixe. No teu paseo polo bosque, identifica os reclamos de pimpín común, ferreiriño rabilongo, papuxa das amoras, ferreiriño negro, ferreiriño azul, gabeador, paporrubio, estreliña riscada, gaio europeo, cardeal… Máis alá das copas, non sería raro que descubrises ademais un miñato ou un gabián. E no verán, miñato abelleiro. Se quedas ata o solpor, quizais consigas escoitar unha avelaiona.

Fenoloxía

Calquera momento do ano é ideal para visitar este enclave. No inverno as frondes das árbores están máis espidas de follas, o que facilita a observación dalgúns paxaros. Na primavera, en cambio, os cantos da maioría deles son moito máis frecuentes.

Proposta de visita

  • Antes de botar a andar, infórmate da biodiversidade deste lugar no Centro de Interpretación da Natureza de Chelo, que atoparás moi preto do aparcadoiro. A ruta que che propomos parte precisamente dela.
  • Camiñando augas arriba polo sendeiro da marxe esquerda do río, salvando en ocasións pequenos obstáculos rochosos, chegarás ata a minicentral hidroeléctrica do Zarzo, onde poderás cruzar o río por unha ponte colgante.
  • Inicia entón o teu regreso pola beira oposta, pasando xunto ás ruínas do balneario do Bocelo, ata chegares á ponte que, tras cruzar de novo o río, te deixará de volta no aparcadoiro. En total, terás percorrido 6,3 km de dificultade media.

Como chegar, accesibilidade e recomendacións

Á altura de Queirís, no seu km 570, a estrada N-VI ten un desvío para ir cara a Betanzos. Nada máis pasar o cruzamento, entre as casas da dereita, sae unha estrada local. Síguea ata unha bifurcación e sigue por ela cara á dereita para descender ao lugar de Chelo. Alí atoparás un pequeno aparcadoiro.

Recursos

Lugares próximos de interese ornitolóxico

Podes combinar esta ruta coas visitas ornitolóxicas á zona vella de Betanzos e coas que che propomos para observar as aves da ría inmediata, co fin de ter unha visión de conxunto do tipo de paisaxes que crea a Mandeo nos seus últimos pasos antes de entregarse ao mar. E das aves que as habitan!

Aves das Mariñas

image
Bilurico das Rochas
Scolopacidae
É un ave de pequeno tamaño con patas bastante cortas e pés amarelos oscuros.
image
Ferreiriño real
Paridae
Ten o peito amarelo en contraste co azulado da cola e as ás.
image
Virapedras
Scolopacidae
Ten o corpo compacto, coas súas patas, pescozo e pico cortos. As patas teñen unha coloración laranxa intensa.
image
Pilro común
Scolopacidae
É unha ave de tamaño medio co pico e patas de cor escura.
image
Picapeixe
Alcedinidae
Verde azulado brillante por riba, castaño alaranxado debaixo.
image
Papuxa das Amoras
Sylviidae
Curruca de tamaño medio, de aspecto robusto e dunha tonalidade grisácea en xeral.
image
Paporrubio
Turdidae
A plumaxe do peito e da cara son laranxas.
image
Merlo rieiro
Cinclidae
Os mirlos acuáticos son aves rechonchas de tamaño mediano, cola curta e ás máis ben pequenas.
image
Mergullón pequeno
Podicipedidae
Na época de cría presenta unha plumaxe nupcial no que destaca a gorxa e o pescozo de color vermella, cunha mancha amarela na parte membranosa da base do pico.
image
Zarapito real
Scolopacidae
A cabeza do mazarico real é de cor bastante uniforme.

Outros lugares para visitar

Igrexa románica e miradoiro de Santa Eulalia de Espenuca (s. XII).

Petroglifos de Pena Furada.

Teléfonos e enderezos de interese

Urxencias: 112
Concello de Coirós: 981 796 414
Turismo en Coirós: http://www.coiros.es/turismo-en-coiros.html