As marismas que forma na súa desembocadura o río Baxoi, en Miño, son fogar dunha notable diversidade de aves. Situadas tras o amplo areal de dunas inmediato ao pobo, están na súa maior parte cubertas por xunqueiras inaccesibles e chairas intermareais areosas e fangosas. Incluídas na ZEC Ría de Betanzos-Mandeo e por tanto na Rede Natura 2000 da Unión Europea, a súa visita ornitolóxica debe combinarse coa observación das augas abertas da ría, onde aparecen especies moi diferentes.
Interés ornitolóxico
Nas marismas é posible observar, ao longo do ano, gaivotas chorona, cabecinegra, patiamarela e sombría. Tamén garzota, garza real, mazarico real e chiador, bilurico das rochas… Durante os pasos migratorios da primavera e do verán detéctanse outras especies de limícolas. Na primavera aparece a lavandeira amarela. O val é sobrevoado a miúdo por millafre negro e falcón nesta mesma estación, e todo o ano por gabián ou miñato. Na Praia Grande e as súas dunas é posible anotar no inverno pica dos prados, pardal ou lavandeira branca. En canto ás augas abertas da ría, fronte á praia ou o porto, acollen no inverno pentumeiros e ás veces algún pentumeiro de á branca, así como mobellas grandes e pequenas, e corvos mariños grandes e cristados.
Fenoloxía
Convén facer a visita no inverno ou nos pasos migratorios da primavera e do outono. Avanzada a primavera e no verán a diversidade de especies redúcese moito, e a afluencia de bañistas á praia diminúe as opcións de observación nas horas centrais do día.
Proposta de visita
Partindo da praia de Miño, percórrea polas súas dúas beiras: tanto a que dá á ría como a que dá á marisma. Se vés pola tarde, é posible que o sol te cegue cando mires cara á ría. Entra e sal por entre as dunas da Praia Grande seguindo os sendeiros sinalizados.
Como chegar, accesibilidade e recomendacións
Xunto á Praia Grande de Miño existe un amplo aparcadoiro. Hai ademais posibilidade de chegar ata aquí en autobús público desde A Coruña, Betanzos, Sada e outras orixes próximas.
Recursos
Praias e espazos verdes do Concello de Miño:https://www.concellodemino.gal/es/medio-ambiente-zonas-verdes-playas-servicios
Lugares próximos de interese ornitolóxico
O porto de Miño é outro lugar interesante desde o que buscar aves.
Aves das Mariñas
Outros lugares para visitar
Igrexa de San Xoán de Vilanova (s. XI).
Ponte do Porco (s. XV).
Porto de Miño.
Teléfonos e enderezos de interese
Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335.
Urxencias: 112
Concello de Miño: 981 782058
Oficina de Turismo de Miño: Estrada da Praia, s/n, 15630 Miño (A Coruña). Telf.: 607 803 569. turismomino@gmail.com