Desde as inmediacións da presa do encoro de Abegondo-Cecebre ata a súa desembocadura na ría do Burgo, é posible percorrer as dúas beiras do río Mero por sendeiros case sempre á sombra dun bosque de ribeira moi ben conservado. O percorrido completo, de 10 km, pode facerse tanto a pé como en bicicleta BBT. En varios puntos é necesario cruzar estradas secundarias para retomar o camiño, o que obriga a extremar a prudencia.
Interés ornitolóxico
O bosque de ribeira que acompaña ao Mero nos seus últimos pasos cara ao mar, composto sobre todo por ameneiros e salgueiros, acolle unha interesante comunidade de paxaros que inclúe papuxa das amoras, carriza, picafollas europeo (no inverno) e ibérico (na primavera e no verán), ferreiriños azuis, mitos, ferreiriños reais, rapaces como miñato ou gabián, no verán rula… Nalgúns tramos do río, por exemplo preto do muíño de Peiraio, é posible ver merlo rieiro. Tamén cerca da auga, lavandeira real, lavanco e garza real.
Fenoloxía
Calquera momento do ano é ideal para percorrer este bosque de ribeira. Na primavera e a primeira hora do día, a combinación do murmurio da corrente e os cantos nupciais das aves resulta moi especial.
Proposta de visita
Un dos tramos mellor conservados é o que vai desde o muíño de Peiraio ata a ponte das Insuas, xunto á estación-apeadeiro de ferrocarril de Cambre.
Como chegar, accesibilidade e recomendacións
Existe acceso a diferentes puntos desta ruta mediante transporte público en autobús ou ferroviario, neste segundo caso ata os apeadeiros de Cambre ou Cecebre.
No inverno recorda traer contigo calzado impermeable. Se realizas a visita paseando, permanece atento á presenza de ciclistas, para facilitar a súa ruta. Se vés en bici, respecta os paseantes!
Recursos
Na páxina web a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo existe información sobre os lugares de interese.
Lugares próximos de interese ornitolóxico
A combinación desta ruta coa visita ao encoro de Abegondo-Cecebre e a ría do Burgo ao longo dunha xornada de inverno pode deparar unha moi alta cifra de especies de aves observadas.
Aves das Mariñas
Outros lugares para visitar
Casa Museo Wenceslao Fernández Flórez e Bosque Animado.
Museo do xacemento romano de Cambre.
Igrexa románica de Santa María de Cambre.
Ruta Mariñá Arredor de Cambre.
Teléfonos e enderezos de interese
Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335
Horarios de Renfe: https://www.renfe.com/es/es/viajar/prepara-tu-viaje/horarios
Urxencias: 112
Concello de Cambre: 981 613 128
Oficina de Turismo de Cambre: Praza do Mosteiro, 1, (15660), Cambre, A Coruña. Telf.: 981 656 217. museo@cambre.org