Situada na parroquia de Filgueira de Barranca, pertencente ao municipio de Oza-Cesuras, esta ruta, moi exixente pero breve, condúcete ata un dos hábitats típicos desta bisbarra: as fervenzas escondidas entre densos bosques autóctonos. Nese tramo o río Mendo descende desde os 475 metros sobre o nivel do mar ata os 380, nun tramo de apenas 600 metros.
Interés ornitolóxico
Mentres baixas ao encontro dos catro saltos de auga, prestando constante atención a asegurar os teus pasos, irán e virán arredor de ti numerosas especies de aves forestais por entre abeleiras, ameneiros ou loureiros. Entre elas, ferreiriños negros e reais, ferreiriños azuis, gabeadores, paporrubios, merlos, picafollas… Unha vez xunto á auga, atención á presenza de merlos rieiros. A contorna da aldea da Rexidoira, por outro lado, busca outras especies de hábitats máis abertos.
Fenoloxía
Malia que calquera momento do ano é bo para facer esta visita, os meses máis chuviosos serán loxicamente os que convertan as fervenzas en máis espectaculares. Na primavera, a música da auga combinarase coa das aves presentes.
Proposta de visita
O percorrido ata as catro fervenzas está ben sinalizado. Unha varanda e algunhas cordas axudaranche a facer parte do paseo. Se o terreo está húmido, extrema o coidado. En ningún momento abandones a ruta: podería ser perigoso. Coidado cos esvaróns!
Como chegar, accesibilidade e recomendacións
En automóbil, e desde o centro urbano de Oza-Cesuras, en dirección a Curtis, atoparás a uns 15 km o indicador dun desvío á dereita e por estrada asfaltada. Esta levarate, en pouco máis de 1 km, ata a aldea da Rexidoira. Deixa alí o coche e avanza 100 m pola ancha pista forestal existente ata chegar ao lugar de inicio do percorrido.
Recursos
Atoparás o trazado desta ruta na páxina en Wikiloc da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo:https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/sm-17-ruta-da-rexidoira-9299657
Lugares próximos de interese ornitolóxico
Augas abaixo das fervenzas está a fraga de San Gregorio. Por outro lado, a área recreativa de Reboredo, tamén nas beiras do Mendo, é ideal para descansar da camiñada.
Aves das Mariñas
Outros lugares para visitar
Igrexa de San Nicolás de Cines, pertencente a un mosteiro fundado nos séculos IX-X, que xa non se conserva.
Sanatorio para tuberculosos, deseñado por Rafael González Villar.
Teléfonos e enderezos de interese
Urxencias: 112
Concello de Oza-Cesuras: 981 792 000