O encoro do Rexedoiro (tamén coñecido como de Sabón, por estar no centro do polígono industrial do mesmo nome), construído en 1970 e con preto de 40 hectáreas, acolle unha moi interesante diversidade de aves acuáticas reprodutoras e invernantes. A súa presa está a poucos metros da praia de Alba, onde comeza a Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa da Morte, que comprende a costa desde aquí ata Fisterra. Este primeiro tramo, pertencente ao Concello de Arteixo e, polo tanto, á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, caracterízase por unha variada sucesión de praias e áreas acantiladas tamén moi interesante para a práctica da ornitoloxía e a xeoloxía mentres se percorre a denominada Senda Azul.
Interés ornitolóxico
As beiras do encoro do Rexedoiro están orladas por amplas zonas de espadanas onde nidifican diversas especies, entre elas a galiñola e a galiñola negra, cada vez máis escasa como reprodutora en Galicia. Algúns anos fíxoo tamén a garza pequena. No inverno poden contarse nas súas augas máis de 200 aves acuáticas, entre as que destaca a presenza de lavancos, patos cristados, galiñolas negras, mergullóns pequenos e garzas reais. En total, detectáronse aquí máis de 180 especies de aves.
Entre as grandes praias de Alba e Barrañán, a Senda Azul de Arteixo (6,5 km) percorre unha sucesión de áreas acantiladas con estupendas vistas sobre o océano, con opción de ver numerosas especies típicas dos dous medios.
Fenoloxía
O encoro do Rexedoiro é moi interesante ao longo de todo o ano, malia que perde algo de atractivo en pleno verán. Algúns días da primavera multitude de cirrios, andoriñas e gaivotóns aliméntanse sobre as súas augas, a media altura, mentres as mencionadas especies reprodutoras aniñan entre as espadanas. No inverno crece tanto o número de especies como a abundancia de moitas delas. Desde a Senda Azul é posible gozar no outono, sobre todo con vento do noroeste, dalgunhas boas xornadas de paso de aves mariñas. Os ventos do leste, pola súa banda, adoitan traer na mesma data pequenos paxaros migrantes ata os arbustos que acompañan o paseo.
Proposta de visita
- O mellor lugar para asomarte ao encoro do Rexedoiro é a ancha beira que percorre o seu extremo final na Avda. da Deputación. Para chegar ata ela, deberás ir en automóbil ata as inmediacións, aparcar e achegarte camiñando. Busca desde alí diferentes ángulos para observar as aves presentes tanto na lámina de auga como entre as espadanas.
- Na inmediata praia de Alba descansan con frecuencia as gaivotas, con posibilidade de observar algunhas especies pouco frecuentes como a groenlandesa, a cáspica ou a hiperbórea. Para visitala, achégate ata o aparcadoiro existente.
- No seu extremo occidental, a desembocadura do río Arteixo atrae ademais pequenas limícolas e outras aves migratorias durante as migracións.
- Se non che apetece camiñar moito, os primeiros dous quilómetros da Senda Azul probablemente che resulten suficientes para facerte unha idea do seu interese ornitolóxico. Na primavera, non deixes de buscar ao teu arredor pedreiros cincentos migratorios. O mesmo que no outono, cando ademais hai posibilidade de ver chascos norteños ou retorcepescozos, entre outras especies. No mar poderás ademais avistar mascato, carrán cristado e outras aves mariñas. Mentres paseas, non deixes de pór atención na vistosa xeomorfoloxía deste litoral, de grande interese.
- Tras a praia de Barrañán, onde remata a Senda Azul, esténdese a ampla carriceira pola que o río Sisalde desemboca neste areal. É un lugar moi interesante para observar aves típicas deste medio: escribenta das canaveiras, folosa das canaveiras… Un sendeiro que parte da estrada DP-0514 permíteche percorrer o seu límite occidental. Se te animas, podes percorrelo de forma circular para regresar polas abas dos montes inmediatos, en parte ocupados por unha fraga moi interesante para aves forestais.
Como chegar, accesibilidade e recomendacións
Para acceder ao lugar de observación do encoro do Rexedoiro, deberás aparcar nas inmediacións, por exemplo ante as primeiras naves industriais da Avda. da Praia. En canto á Senda Azul que parte da praia de Alba, camíñase con relativa facilidade. Evita saír del, igual que achegarte demasiado ao bordo dos cantís. É moi conveniente, se desexas observar gaivotas, madrugar para evitar que varias mascotas caninas chegasen antes e as invitasen a marchar a outro lado.
Recursos
Na Aula de Natureza Muíño Vello, nos arredores de Arteixo, xunto ao Rego da Bidueira, atoparás abundante información acerca da biodiversidade deste concello. Na páxina web do Concello de Arteixo tes información acerca da Senda Azul:http://www.arteixo.org/gl/servizos/turismo/rutas. Tamén acerca da ruta circular que percorre a contorna da carriceira formada polo río Sisalde xunto a Barrañán:http://www.arteixo.org/gl/servizos/turismo/rutas/rio-sisalde.
Lugares próximos de interese ornitolóxico
Os afeccionados á observación de gaivotas frecuentan no inverno a cala situada xunto ao pequeno parque industrial de Suevos. No outono, tamén o Parque de Monticaño recibe a visita de paxaros migratorios, sobre todo con ventos de nordés.
Aves das Mariñas
Outros lugares para visitar
Balneario de Arteixo.
Roteiro Mariñán Arteixo- Xalo–Paleo Ruta Sisalde-Costa de Arteixo (ver https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/roteiro-marinan-arteixo-xalo-paleo-7540900).
Teléfonos e enderezos de interese
Para coñecer a predición meteorolóxica e os horarios das mareas, consulta a web de Meteogalicia: meteogalicia.gal. Para informarte dos horarios de autobuses, este é o teléfono da Estación de Autobuses da Coruña: 981 184 335
Urxencias: 112
Concello de Arteixo: 981 600 009
Oficina de Turismo de Arteixo: Avenida de Fisterra, s/n, 15142, Arteixo (A Coruña). Telf.: 981 659 177. turismo@arteixo.org.