Entre os edificios singulares do concello debemos resaltar o que acolle a estación depuradora de augas de Emalcsa en Cañás, á beira do río Barcés. Esta edificación, de estilo modernista, foi construída en 1908 e ampliada en 1922. Edificouse co fin de fornecer á cidade da Coruña, e así o fixo ata o ano 1940, cando a elevada demanda dos niveis de auga potable excedeu a capacidade desta depuradora. Construíuse entón a de Telva, en Cambre, para atender as necesidades da cidade. Agora a planta de Cañás depura a auga do río Barcés para fornecer tan só a Carral.
Esta depuradora foi vangardista noutro tempo, pois dispoñía de filtros rápidos fabricados en madeira segundo o sistema alemán de Reisert. Foi en España a segunda estación depuradora en fornecer auga filtrada á poboación.