Un feito histórico de gran relevancia para o termo municipal de Curtis foi o paso da liña férrea Palencia-A Coruña e a construción da estación de Curtis, que inaugurou o rei Alfonso XII en 1883 e que foi parada obrigatoria para os trens xa que un depósito de auga nas proximidades permitía abastecer ás máquinas de vapor.
Durante moito tempo, e cunha ligazón por estrada con Santiago de Compostela, converteuse nunha das poucas vías para chegar á meseta castelá desde a cidade xacobea. Foi sen dúbida, un gran factor para o desenvolvemento e o auxe económico da comarca e, especialmente, deste municipio.