O río Mandeo é un recurso natural fundamental da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Unha das súas zonas con máis interese natural, é a zona alta do Concello de Paderne, case no seu límite con Irixoa. Neste marabilloso roteiro, onde predominan as carballeiras, e a vexetación ribeirega, cos seus bidueiros e freixos, en todo o seu traxecto unido ao río, poderanse observar algúns saltos do río, mentres se camiña por unha senda de pescadores.
Pasarase pola central hidroeléctrica das Pías, na desembocadura do Río Zarzo e polo lugar de O Bocelo, antigo balneario natural de augas sulfurosas. O roteiro finalizará cunha visita a Orballo (empresa adherida á Marca de Calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo), e cun percorrido guiado polas plantacións dunha empresa que está a tratar de renovar o traballo no campo galego, innovando e recuperando técnicas de agricultura tradicional para poder facer unha oferta de diversos produtos ecolóxicos.
Durante a visita, ademais de coñecer algo da historia e o patrimonio do lugar, farase un percorrido polas diferentes etapas polas que xa pasou Orballo – especies forestais autóctonas, plantas aromáticas, árnica e té comentando curiosidades de cada unha á vez que se degusta algunha das súas infusións.